Rede de Comercio Rural Galego | España | Galicia | 2007-2010
Definición de criterios de intervención en materia de arquitectura e interiorismo dos locais pertencentes á Rede de Comercio Rural Galego. Asesoramento, seguimento e control de proxectos e obras de adecuación de locais.

O tradicional comercio rural galego vese abocado á desaparición.

O sector, en xeral pouco dado a cambios, non pode competir coas grandes superficies comerciais e observa preocupado mentres estas proliferan en vilas e cidades e a súa clientela, ata o de agora fiel, vai desaparecendo.

A ausencia de profesionalización, a carencia de servizos, o retraso na implantación das novas tecnoloxías e a falta de adaptación ás novas demandas dos residentes no rural parecen algunhas das causas que poden explicar esta tendencia.

Non obstante o interese destes comercios rurais é enorme. Por unha banda son comercios de proximidade que están atendendo as necesidades primarias dunha poboación envellecida, mellorando a súa calidade de vida e servindo en moitos casos como lugar de reunión veciñal. Por outra banda dinamizan a economía local. Rexentados na súa maior parte por persoas maiores e por mulleres supoñen unha importante fonte de emprego para o rural e en concreto para estes delicados perfís sociais.

No ano 2007 a Xunta de Galicia impulsa a creación dunha Rede de Comercio Rural Galego coa finalidade de frear a tendencia de peche destes establecementos a través da mellora e modernización dos locais e dos seus mecanismos de xestión, ademais de ofrecer unha formación ós seus propietarios.

Por medio dunha imaxe de marca conxunta e un modelo de xestión e adecuación tratábase de crear un selo que garantise a calidade dos servizos ofrecidos e servise como elemento de promoción para os locais.

Os locais pertencentes á Rede teñen o obxectivo de achegar produtos e servizos básicos ás parroquias das zonas rurais.

Ofrecen unha ampla variedade de produtos frescos locais e con denominación de orixe, produtos procedentes da agricultura ecolóxica, produtos de primeira necesidade, droguería, bazar e Artesanía de Galicia. A oferta complétase con servizos de hostelería (restaurantes, cafeterías…), puntos de acceso á internet, información turística e outros servizos subcontratados para os residentes como revelado de fotos, arranxos… co obxectivo de abastecer ás áreas rurais e ofrecer servizos fundamentais para a mellora da calidade dos habitantes do rural.

Desde un primeiro momento traballamos para establecer uns criterios de intervención na arquitectura e no interiorismo redactando o “Manual para adecuación dos locais”.

Co fin de crear unha imaxe unitaria de marca establecéronse modelos para os locais (rótulos, sinaléctica…) e recorreuse a un mobiliario común, sinxelo, neutro, sen enxebrismos nin excesivamente vangardista.

Se ben o obxectivo era crear unha imaxe de marca dotando ós diferentes locais dunha identidade común, defendemos como criterios de partida tanto o respecto cara as arquitecturas autóctonas e os elementos patrimoniais como a conservación doutros elementos singulares (traballos de carpintaría, mobiliario, decoración…) que manteñen o carácter propio de cada local.

Por outra banda fomentouse o uso de materiais reciclables e naturais. Incorporáronse medidas ambientais orientadas á xestión, reciclaxe e recuperación de residuos, á optimización de recursos naturais e ó aforro enerxético. Dentro do posible procurouse o comportamento bioclimático do edificio.

Finalmente, os locais deseñáronse dun xeito inclusivo, facilitando o acceso de persoas maiores ou con mobilidade reducida a todos os espazos e servizos.

Con estas liñas guía realizamos as labores de asesoramento e control da adecuación dos diferentes comercios ós parámetros requiridos pola Rede, facendo un completo seguimento dos proxectos e das obras de adecuación.

Así mesmo redactamos varios dos proxectos de adecuación dos locais e levamos a cabo as súas direccións de obra: Casa Varela en Touro, Casa Xustáns en Ponte Caldelas, Casa Balsa en Ourol, A de Ramona en Ribeira, Casa Calzada en Arzúa e Casa Sabino en Camariñas.

DATOS

 
Contrato:
Definición de criterios de intervención en materia de arquitectura e interiorismo dos locais pertencentes á Rede de Comercio Rural Galego. Asesoramento, seguimento e control de proxectos e obras de adecuación de locais.

Promotor:
Xunta de Galicia

Estado:
Convocatoria 2007
Convocatoria 2008
Convocatoria 2009

Situación:
Galicia. España

Programa:
Tendas de produtos de primeira necesidade, de alimentos de produción local e ecolóxica, Artesanía de Galicia e produtos agrícolas.

Servizos de hostelería (cafeterías, bares, tabernas, restaurantes…)

Puntos de acceso a internet.

Puntos de información turística.

 

Enlace a páxina web

CRÉDITOS
 
Arquitectas:
Cristina Ezcurra
Cristina Ouzande

Deseñador de interior:
Julio Pedreira

Técnicos en proxectos
de construción:
Antonio Blanes
Javier Conde
Ana Nogueiro