Situada nun emprazamento hostil, nun nó da estrada N-VI, rodeada de edificios en altura, cun nivel de presión sonora altísimo, un espazo inmediato totalmente desestruturado, Vila Concepción parecía abandonada nunha viaxe por alguén cansado da súa compaña.
A casa perdera boa parte do seu xardín e con el unha parte importante do seu espazo, do significado desas estancias intermedias entre fóra e dentro. A relación simbiótica entre elas deixara de existir, quedaba un edificio apoiado sobre un terreo que podería ser calquera outro.
Foi preciso devolvela, no posible, ó seu mundo vexetal, ese entorno propio que a rodeaba dando significado á súa escala, ós seus espazos de transición, á súa retícula de fiestras que permitían visións e aperturas en 360 graos sempre filtradas pola vexetación, ó seu silencio.
Vila Concepción edificouse a finais do século XIX como lugar de repouso para a filla dos seus promotores, Concepción. A familia foi propietaria da vivenda ata o ano 2003 cando pasou a mans do Concello de Cambre.
Edificada nun estilo ecléctico inspirado nos palacetes parisienses do II Imperio, presenta a configuración habitual destas vilas: planta baixa, primeira e ático con cuberta amansardada.
A finca orixinalmente tiña unha superficie de 5.200m², ocupados pola vivenda, cabaleirizas, cocheiras e un amplo xardín con frondosas árbores e elementos de topiaria de mirtos e buxos.
Tras a ampliación da Nacional VI e logo dunha desafortunada segregación parcelaria, a finca viuse reducida a 1.162m². No que era xardín construíronse edificios de vivendas, o esplendoroso entorno quedou destruído e as árbores centenarias perdéronse.
Actualmente Vila Concepción está incluída dentro do Catálogo de Áreas e Elementos de Especial Protección do Concello de Cambre.
Non ano 2011 o Concello de Cambre, actual propietario, convocou un concurso con obxecto de restaurar o edificio adaptándoo para un uso público como Casa de Cultura.
As intervencións que planteamos respetaban ó máximo o carácter do edificio orixinal, nos seus sistemas construtivos, acabados e na distribución dos espazos, garantindo ó mesmo tempo o cumprimento de toda a normativa aplicable ó novo uso.
O deseño do xardín tivo como obxectivo por un lado delimitar un espazo propio para a vivenda e da súa man crear unha barreira que atenuase o ruído do tráfico.
Un muro verde perimetral de Laurus nobilis, de crecemento relativamente rápido e folla perenne, pecha o espazo entorno á vivenda. Este muro ten puntos de permeabilidade para entrar, percorrer o xardín e acceder ó edificio. Mantívose a vexetación existente e se completou con buxos, plantas tapizantes, aromáticas e árbores de nova plantación.
Percorremos este espazo, verde, fresco, íntimo e tranquilo ata o acceso ó edificio pola porta norte; o entorno vai sendo menos agresivo.
Dentro, atopamos o gardarroupa, mostrador de recepción e despacho, comunicados entre eles o que permite manter o control sobre os accesos e facilitar o funcionamento do centro en horas de pouca afluencia e con persoal mínimo. Frónte ós anteriores, na sala onde se conservan dous armarios chineiros orixinais, a cafetaría, actividade que entendimos que podía poñer en valor este mobiliario aproveitándoo como moble tras barra.
Continuamos ata as escaleiras e fronte a elas o ascensor que completa o sistema de comunicacións verticais. Detrás deste os aseos, un adaptado, nunha posición que se repetirá en todas as plantas do edificio.
Na fachada sueste, comunicada co porche, sitúase unha sala polivalente que pode acoller moi distintas actividades. Escolleuse esta posición por varios motivos: trátase do espazo con maior aforo en todo o edificio, cunha sobrecarga de uso elevada; posúe unha porta de acceso directo desde o exterior que facilita o desaloxo do local; atópase directamente conectado co porche cuberto, o que permite unha relación de continuidade interior-exterior moi enriquecedora para as actividades a desenvolver no espazo. A súa forma e dimensión permite dividilo en dúas salas máis pequenas mediante un tabique pregable e corredeiro.
No primeiro andar dando á fachada noroeste atópanse as salas de lectura, vencelladas ó espazo da galería. A posición deste uso elixiuse pola súa favorable orientación, que ofrece unha luz natural máis uniforme e un menor nivel de presión sonora ó estar máis lonxe da estrada.
No outro extremo a terraza utilízase como lugar de lectura ocasional de carácter máis lúdico. O amoblamento para esta última complétase cunha barreira de bambú ó longo da varanda exercendo como atenuadora do ruído.
No último andar, atopamos un taller preparado para levar a cabo traballos que precisen manexo de auga, outro máis pequeno para actividades de menor aforo e o arquivo de cadros coa importante colección pictórica do Concello.
O noroeste ocúpao a sala de exposicións cunha zona reservada para proxeccións. Este espazo deseñóuse mediante paneles móviles que permiten dispoñer dun espazo para proxeccións e variar o espazo expositivo segundo as necesidades.
De nova planta, constrúese unha edificación auxiliar na parcela que alberga espazos para instalacións e de almacenaxe para a cafetaría e mantemento do xardín.
DATOS
Proxecto:
Proxecto básico, de execución e dirección da obra de rehabilitación e restauración de Villa Concepción para Casa da Cultura
Promotor:
Concello de Cambre
Estado:
Concurso 2011 – 1º premio
Proxecto 2011
Completado 2013
Situación:
Cambre. A Coruña. España
Programa:
Biblioteca, salas de lectura, biblioteca infantil, fototeca, salón de conferencias, talleres, sala de exposicións, cafetaría e espazos administrativos
CRÉDITOS
Arquitectas:
Cristina Ezcurra
Cristina Ouzande
Deseñador de interior:
Julio Pedreira
Técnico en proxectos
de construción:
Antonio Blanes
COLABORADORES
Enxeñaría:
Quicler-López Ingenieros S.L.
Arquitectura técnica:
Jesús Damiá
Topografía:
Pedro Zapata Topografía S.L.