Campus da Auga | España | Ourense | 2015
Concurso para a edificación dun centro docente e de investigación para a xestión e de aproveitamento de recursos hídricos.

Deseñar o edificio coma unha árbore e a cidade coma un bosque

Un edificio pode chegar a ser un regulador climático producindo máis enerxía da que precisa. Pode almacenar CO2, pode utilizar materiais reciclados e crear un contorno saudable, seguro e agradable cun impacto positivo para as persoas. Pode relacionarse e copiar os ciclos pechados dos procesos naturais, empregando o máximo de enerxías renovables durante o proceso de construción e ó longo da vida útil do edificio. E todos estes principios é posible recollelos dentro dun marco de viabilidade económica.

Estes foron os principios que nos guiaron no momento de proxectar un edificio para o Campus da Auga, e por iso presentamos unha proposta que se fundamentaba nos seguintes aspectos:

-Crear un edificio saudable, que ofrecese unhas boas condicións para a produtividade.

-Buscar a adaptación ás condicións do lugar.

-Aproveitar a enerxía natural por medio de técnicas bioclimáticas.

-Empregar como elemento principal da edificación madeira de produción local, incluso como sistema estrutural, por tratarse dun material natural, renovable, reciclable, que reduce -respecto a outros materiais- os consumos enerxéticos no proceso de produción e que finalmente ofrece tamén a posibilidade de pechar o seu ciclo de vida convertendo o noso edificio nunha reserva de carbón.

O edificio debía situarse no Campus Universitario de Ourense, próximo a outros edificios universitarios xa existentes. Nunha parcela baleira á marxe sur do río Miño, cunha lixeira pendente que cae cara o norte.

Tratábase de realizar unha completa definición volumétrica, establecendo unha apropiada relación de escala e ordenando o espazo circundante, ó mesmo tempo que de resolver as conexións necesarias cos accesos peonís e rodados que se requirían. As condicións do solo edificable resultaban dobremente restritivas ó converxer unha normativa municipal vixente con outra en elaboración.

A análise de datos meteorolóxicos, a climatoloxía do lugar, o uso previsto do edificio, a súa orientación e as condicións do entorno, as ganancias solares, os seus horarios de uso e a súa carga interna servíronnos de punto de partida para trazar unhas estratexias bioclimáticas para o noso edificio.

A pel é verde

Propúxose un espazo verde onde o edificio se insire. A este espazo incorpóranse cubertas e patios, que se mesturan co desenvolvemento funcional do edificio, e unha envolvente vexetal que serve de protección á fachada sur fronte á incidencia directa do sol. Todo isto ofrece una percepción de conxunto onde destacan os elementos vexetais: a pel é verde.

A natureza elabórase e aparece unha segunda pel, de madeira; no pechamento, os paramentos e as carpintarías. No interior, pavimentos, particións, escaleiras… todo se constrúe co material natural que crece dende a terra e baixo o sol.

O edificio defínese volumetricamente mediante dous corpos:

Un primero que se encaixa a media ladeira de xeito que só a fachada leste queda completamente visible, aínda que as entradas de luz natural se producen pola fachada norte. Trátase dunha nave diáfana dedicada exclusivamente a laboratorio de hidráulica debido ás súas especiais condicións de grandes luces e grandes cargas, á necesidade de dar acceso a camións e á contaminación acústica que se pode chegar a orixinar no seu interior que poderían condicionar en exceso e comprometer o funcionamento doutros usos.

O segundo corpo é un paralelepípedo regular, de catro plantas sobre rasante e unha baixo rasante, que acolle no seu interior a sede corporativa, laboratorios científicos e tecnolóxicos, un centro de supercomputación, aparcadoiro e espazos destinados a instalacións; permanecendo claramente diferenciadas a zona de laboratorios e a zona corporativa, separadas e unidas polo núcleo de comunicacións e aseos.

Os laboratorios e as salas de instalacións atópanse na parte leste do volume e están conectadas verticalmente a través de condutos que chegan ata a cuberta. Esta solución facilita tanto o trazado racional dos sistemas de instalacións como posibles modificacións posteriores que se desexen realizar.

Na parte oeste atópase a sede corporativa con espazos de coworking, despachos para docentes e dependencias administrativas. Entre os diferentes espazos de traballo propoñemos unha trama de patios que sirvan para garantir unhas condicións de calidade espacial en ditos espazos e que poidan ser empregados tamén como lugares de encontro, poñendo en valor estas zonas como espazos de reunión informais.

Os patios introducen a pel verde nos despachos e as salas de traballo, nos corredores e as zonas de descanso; permiten saír ó exterior e posibilitan novas orientacións, diferentes ás que ofrecen as fachadas nos espazos que os rodean. No caso das zonas de laboratorios, os patios e os espazos informais mestúranse cos corredores respectando a secuencia de laboratorios que será a que posibilite agrupamentos e divisións.

A malla vexetal que envolve a fachada sur, protexe da incidencia directa do sol e refresca, producindo sombras, movementos de aire e aportando humidade. Non son estes espazos, corredores e zonas de descanso, os que precisan dunha luz máis neutra e uniforme, senón todo o contrario, e é por este motivo polo que buscamos a orientación norte para os laboratorios, unha luz máis idónea para o traballo que aquí se realiza.

Recursos locais, tecnoloxías sustentables

O uso de tecnoloxías e materiais sustentables reduce o consumo de enerxía e como consecuencia os custes enerxéticos. Este proxecto pareceunos unha boa oportunidade para cambiar as propostas tradicionais de aceiro e formigón en edificios de certa envergadura, substituíndoas por un sistema de entramados de madeira que a diferentes escalas permitía construír dende os sistemas estruturais principais ós acabados, pasando por sistemas estruturais menores, tabicaría, etc.

Para isto traballamos con especies procedentes de explotacións forestais locais e de xestión sustentable con desenvolvemento industrial próximo, o que nos posibilitaría reducir custes de transporte e axilizar a subministración. O Eucalyptus globulus Labill é unha especie que cumpre con todos estes requirimentos e que permite a súa utilización en diferentes elementos do edificio como elementos estruturais, pechamentos, pavimentos… Unificando materiais, reducimos custes.

O edificio é un sistema onde todos os factores se inflúen reciprocamente

Debemos falar de enxeñaría ambiental para concibir o comportamento do edificio como un sistema total. Antes de pensar en equipos de control climático, o proxecto ten que facer uso do coñecemento, de como aproveitar os materiais e das técnicas para un mellor control dos factores climáticos. Para un edificio tecnolóxico como o deste concurso, o control simultáneo dos parámetros de temperatura e humidade interiores poden estar totalmente desfasados coas condicións ambientais do exterior; é dicir, precisamos que o edificio se comporte de forma neutra co exterior ó tempo que os sistemas de tratamento ambiental carecen de inercia na súa resposta. A enxeñaría ambiental aplicada lévanos a recomendar a utilización de sistemas construtivos menos inerciais, de gran illamento, combinados con sistemas de climatización de alta eficiencia e de resposta non inercial.

Por iso propuxemos empregar materiais porosos -termicamente estables e illantes-, facer un uso xeneralizado da madeira -sometida a un bo estacionamento e desprovista de ácidos- e illantes naturais -como papel reciclado proxectado-, mellorar a transmisividade térmica e o factor solar de vidros, etc; e evitar outros materiais como pinturas plásticas -que obturan ós materiais absorbentes-, formigón armado e morteiros con cemento -termicamente pobres e que poden provocar condensacións-, etc.

Logo dunha análise completa do edificio obtemos que as nosas propostas de mellora do comportamento térmico logran una redución directa do consumo enerxético superior ó 35% respecto do edificio tipo que establece a normativa, sen ocultar nin reducir o valor visual do edificio.

Sustentabilidade

O consumo enerxético do edificio en termos de enerxía primaria estímase en 265.991 kWh/ano. Respecto ás superficies consideradas isto representa un consumo de 98 kWh/m².ano e supón unha clasificación enerxética A.

O sistema BREEAM é un sistema destinado a verificar os aspectos de sustentabilidade ambiental en edificacións. Comprende as distintas fases de deseño, construción e uso dos edificios e ten como obxectivos específicos: reducir os impactos xerais do urbanismo; recoñecer os proxectos e comunidades segundo os seus beneficios ambientais, sociais e económicos; proporcionar unha etiqueta crible para urbanismos enfocada na sustentabilidade; estimular a demanda e asegurar o desenvolvemento efectivo de comunidades sostibles.

Neste sentido analizamos os parámetros do noso deseño que valora o sistema BREEAM de acordo ós seguintes criterios:

Xestión: desenvolvemos propostas de colaboración co usuario final e analizamos o custe do ciclo de vida do edificio.

Saúde e benestar: establecemos medidas para o confort visual, potenciamos o uso da iluminación natural, deseñamos sistemas para o control de cegamentos, garantimos a calidade do aire interior e a ausencia de compostos orgánicos volátiles, establecemos medidas e sistemas para o confort térmico, garantimos a calidade das augas, analizamos as condicións acústicas idóneas e proxectamos accesos peonís seguros ó edificio.

Enerxía: estudamos a eficiencia enerxética da nosa proposta, planeamos sistemas de monitorización enerxética, controlamos a eficiencia dos sistemas de iluminación, empregamos tecnoloxías baixas en carbono ou de cero carbono, propuxemos equipos e sistemas de laboratorio enerxeticamente eficientes.

Transporte: analizamos a accesibilidade ó transporte público, posibilitamos o emprego de modos de transporte alternativos e priorizamos as rutas e accesos peonís.

Consumo de auga: desenvolvemos medidas de redución da demanda de auga potable, planeamos sistemas de monitorización de consumos e de detección de fugas e propuxemos equipos e sistemas de alta eficiencia.

Materiais: estudamos os impactos do ciclo de vida dos materiais, programamos un aprovisionamento responsable, priorizamos o uso de materiais reciclados e deseñamos medidas para garantir a durabilidade dos materiais nas distintas zonas do edificio.

Residuos: destinamos espazos específicos para as diferentes clases de residuos xerados no edificio, suxerimos unha xestión optimizada dos residuos da construción coa implantación de procedementos para a clasificación, reutilización e reciclaxe dos residuos.

Uso do solo e ecoloxía: analizamos a biodiversidade no emprazamento proposto e planeamos unha adecuada protección para elementos destacables como árbores e reservas de auga.

Contaminación: estudamos o impacto de diferentes sistemas e propuxemos o emprego de sistemas de alta eficiencia, suxerimos a análise das emisións de óxidos de nitróxeno a través do emprego da enerxía primaria distribuída e desenvolvemos medidas de control da contaminación lumínica e sonora.

A calificación BREEAM que acadaría a nosa proposta en base ós anteriores criterios é Excelente.

DATOS
 
Proxecto:
Concurso para a redacción do proxecto básico, de execución e dirección das obras do edificio do Campus da Auga no Campus Universitario de Ourense

Promotor:
Universidade de Vigo

Estado:
Concurso 2015

Situación:
Ourense. España

Programa:
Despachos docentes, espazos de coworking, espazo polivalente, laboratorios de hidráulica, laboratorios científicos, laboratorios tecnolóxicos, centro de supercomputación, aparcadoiro e zonas de instalacións.

CRÉDITOS
 
Arquitectas:
Cristina Ezcurra
Cristina Ouzande

Deseñador de interior:
Julio Pedreira

Técnico en proxectos
de construción:
Antonio Blanes