Aloxamento nos silos da Terra Chá | España | Lugo. Terra Chá | En proceso
Proposta de valorización e rehabilitación para aloxamento nos silos da Colonización da Terra Chá

Os Poboados de Colonización da Terra Chá

A mediados dos anos 50 o Instituto Nacional de Colonización desenvolveu un plan de intervención na Terra Chá lucense co obxectivo de establecer sistemas de agricultura intensiva que servisen de base para a implantación de novas explotacións leiteiras de carácter industrial. Destacados arquitectos (entre eles Alejandro de la Sota) e enxeñeiros agrónomos proxectaron a intervención, realizada en fases sucesivas ó longo de 15 anos, e que supuxo unha importante transformación da paisaxe e do sistema agrícola da zona.

 

Os humidais existentes foron desecados para establecer terras de regadío, trazáronse canles e viais ortogonais organizando o territorio con criterios de optimización agrícola e creáronse novos poboados de vivendas illadas diseminadas en grupos pequenos de ata catro vivendas.

Estes dispersos poboados contaban con servizos comunitarios: centros cívicos, escola, igrexa, locais comerciais… agrupados en torno a unha praza pública.

 

No referente ás vivendas, estas vencelláronse a cadansúa parcela a explotar, polo que cada vivenda ademais dos habituais espazos residenciais tamén posúe outras edificacións de exclusivo carácter agrícola e gandeiro: cortes, esterqueiras, alpendres, galiñeiros, silos…

 

Se ben a implantación non foi completamente exitosa (o descoñecemento dos procesos da agricultura local, por exemplo, foi causa de que os silos nunca chegasen a ser empregados) finalmente acadouse o obxectivo de modernización e especialización agropecuaria e este sistema produtivo pronto se estendería por toda a bisbarra.

A actividade económica na bisbarra

Actualmente o sector leiteiro segue sendo básico na economía das zonas rurais en Galicia.

 

A incidencia directa e indirecta deste sector é enorme na creación de rendas, emprego, mantemento do medio, fixación da poboación, e en definitiva sustento do medio rural.

Nestes momentos de crise e cambios no sector é importante tomar a iniciativa e dar pasos para acadar a viabilidade das explotacións leiteiras coa diversificación da súa actividade.

 

Por outra banda a bisbarra enfróntase a unha crecente despoboación do que da mostra o actual estado de abandono de moitas das instalacións dos antigos poboados de colonización.

Proposta de valoración dos silos da colonización

O obxectivo xeral do proxecto é contribuír á mellora da economía da Terra Chá a través dunha actividade económica complementaria e da posta en valor da peculiar arquitectura da colonización.

 

Consideramos que a diversificación cara actividades turísticas resulta moi adecuada para as explotacións da bisbarra posto que contan cun significativo potencial: unha riqueza natural destacable (os humidais da Terra Chá, reserva da biosfera), unha actividade primaria importante e un patrimonio arquitectónico singular cos edificios da colonización.

 

Por iso proponse a rehabilitación dos silos dos poboados, en completo desuso, para crear a partir deles unha rede de aloxamentos turísticos singulares e moi diferenciados o cal facilita a súa promoción. A xestión poderían levala a cabo os propios gandeiros de forma sinxela e con custes reducidos.

A iniciativa contempla un turismo innovador baseado no desenvolvemento sostible, coñecemento e respecto mutuo.

 

Por unha banda a través do agroturismo, contacto directo dos visitantes coas actividades agrarias cotiás e a realidade social destas explotacións, producindo un intercambio de experiencias enriquecedor para ambas partes.

 

Por outra banda a través da riqueza biolóxica da bisbarra mediante modalidades moi específicas de turismo como pode ser o turismo ornitolóxico.

A rehabilitación dos silos

Como parte da proposta de valorización dos silos da Terra Chá propoñemos unha solución arquitectónica para a rehabilitación dos mesmos, mediante a que se converten en refuxios cos servizos mínimos para a pernocta, o aseo e cociña básica.

 

Como valor engadido e aproveitando a súa inusual altura dentro das construcións da zona, posibilítase utilizalos como miradoiros para a observación de aves posto que nos atopamos nun lugar de grande riqueza ornitolóxica.

 

A posta en valor dunhas construcións existentes e sen uso traballan nunha dirección de futuro: a reutilización e a rehabilitación.

 

O proxecto desenvolve un programa moi básico, a modo de refuxio, un por silo, que se planea en tres niveis:

 

Na planta baixa sitúase o acceso, un aseo con ducha e unha mesa con banco que rodean o lar que servirá tamén como sistema de quecemento no inverno aproveitando a calor emitida polo conduto de saída de fumes, que percorre verticalmente todo o edificio. Estes servizos compleméntanse cun pequeno frigorífico e un fogón eléctrico que non faga necesario prender a cociña de leña no verán ou para usos puntuais.

A planta primeira fórmase mediante un entramado de madeira; é un espazo diáfano onde unicamente existe un armario onde se gardan as colchonetas, utilizadas para sentarse, durmir… sobre o entaboado.

 

A segunda planta, igualmente formada por un entramado de madeira e tamén diáfana, será o miradoiro que nos permita a observación de fauna e paisaxe.

 

Aproveitando uns pequenos voadizos con varanda existentes, xéranse balcóns no primeiro nivel, que permiten dende un punto de vista elevado unha visión ao lonxe e do contorno.

 

Por último, a lousa de formigón que ata os dous silos permítenos crear un paso cuberto entre eles que pode permanecer aberto ou pechado e que facilitaría o uso conxunto dos dous silos se interesase nalgún momento. Esta solución é opcional e complementaria xa que cada un deles funciona de maneira autónoma.

Sustentabilidade

A actividade que se pretende promocionar baséase no desenvolvemento sostible e a posta en valor do medio natural, polo que o proceso construtivo das rehabilitacións debe incidir nestes mesmos principios, evitando a degradación do medio empregando materias reciclables e con pegada mínima de CO2, previndo graves impactos visuais ou ambientais.

 

Os materiais utilizados serán de orixe natural ou de transformación no ámbito local. A súa produción será de baixo impacto medioambiental, serán facilmente reutilizables e poderán ser reciclados. As madeiras que se empreguen posuirán certificación de garantía de replante.

No que respecta á demanda enerxética das edificacións procuramos que esta sexa o máis reducida posible mediante a calidade da solución arquitectónica, o aproveitamento da luz natural e unha envolvente térmica mellorada. Por outra banda, propoñemos establecer para a enerxía eléctrica sistemas eficientes, respectuosos co medio ambiente e con contribucións significativas de enerxías renovables (biomasa, paneis termosolares, paneis fotovoltaicos e miniturbinas eólicas)

 

A xestión das augas residuais será de interese prioritario, recorrendo á implantación dun proceso primario de dixestión biolóxica e outro secundario de fitodepuración.

A proposta atópase inscrita no Rexistro da Propiedade Intelectual da Xunta de Galicia.

DATOS
 
Proxecto:
Proposta de valorización dos silos da colonización da Terra Chá

Promotor:
Promoción propia

Estado:
En proceso

Situación:
Cospeito. Lugo. España

Programa:
Refuxio: cociña, sala/dormitorio e observatorio

CRÉDITOS
 
Arquitectas:
Cristina Ezcurra
Cristina Ouzande

Deseñador de interior:
Julio Pedreira

Técnico en proxectos
de construción:
Antonio Blanes